mércores, 15 de abril de 2015

MESA REDONDA SOBRE O PROXECTO DE CREACIÓN DO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

O vindeiro 25 de abril, terá lugar unha mesa redonda no concello de Cedeira, para presentar o Proxecto de Creación do Xeoparque de Cabo Ortegal. A cita será ás 11:30 no Espazo Xove.

A mesa redonda dividirase en dúas partes, unha primeira na que os diferentes relatores farán unha breve exposición de aspectos importantes do proxecto e unha segunda parte aberta á participación do público e que, esperemos, de paso a un interesante debate e serva para aclarar as dúbidas que poidan surxir.

Francisco Canosa, xeólogo e alma mater do proxecto, explicará qué sinifica a figura de Xeoparque e, posteriormente, fará unha introdución á xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal para amosar a importancia científica deste territorio.

Rafael López falará das especies botánicas máis valiosas desta bisbarra e do seu estado de conservación. Nun breve paseo pola botánica rara ou moi escasa asociada ao Complexo de cabo Ortegal xustificará a catalogación de “importancia excepcional para o mantemento da biodiversidade” que lle concedeu o Ministerio de Medio Ambiente á Costa Ártabra.

Belén Pérez falará doutro dos piares dos xeoparques, o desenvolvemento integral sostible. Analizará o potencial da marca “Xeoparque” como motor económico dun territorio e mostrará exemplos de iniciativas dentro do marco do desenvolvemento rural. 


Posteriormente á 1 do mediodía, terá lugar a presentación, a cargo do seu autor, o xeólogo Francisco Canosa, dunha guía xeolóxica coas seta xeorutas recén diseñadas e sinalizadas neste concello.

Agardamos a vosa asistencia!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.