O gran éxito de
convocatoria do Xeolodía deste ano, arredor de 400 participantes en
toda Galicia, ven demostrar que a xeoloxía interesa ao gran público
cando se lle explica ben, e que a xente responde cando se lle ofrece
un turismo de calidade, que lle permite non só ver unha paisaxe,
senón entender como se formou e os procesos que lle afectaron dende
a súa orixe ata a actualidade.
O xeolodía 2015 da
provincia da Coruña correu a cargo de Francisco Canosa, o xeólogo
promotor do proxecto de xeoparque, e celebrouse nun dos concellos que
formarán parte del: o concello de Valdoviño. Máis de 150 persoas
inscritas en 4 grupos (dous esta fin de semana e dous a seguinte)
demostran que a zona ten tirón. Con habilidade Fran Canosa, foi
capaz de facer que nos trasladaramos coa imaxinación á posición
destes terreos hai 500, 400, 200 millóns de anos... e así ver os
procesos que lles afectaron ata a actualidade e, nunha sorte de xogo
malabar, cambiar de escala e pasar a ensinarnos cuestións de detalle
de minerais e rochas que nos mantiveron atentos: nin máis nin menos
que dende as 10 da mañá ás 7 da tarde! Isto é xeoturismo!
Está claro que o
xeoturismo non só busca coñecer sitios novos, senón entender,
aprender e gozar aprendendo; e cada vez máis unha sociedade máis
desenvolvida e máis culta demanda este tipo de turismo: o futuro
xeoparque debe ofertalo; ou máis ben: non debería irse ofertando
dende agora? Os concellos implicados deben ir tomando nota: 150
persoas que visitan entre esta fin de semana e a seguinte Valdoviño,
xantando no pobo (quizais moitos terían comprado produtos da zona se
tivese esa posibilidade)... E o máis importante: 150 persoas que
irán contando que en Valdoviño hai unha paisaxe espectacular na que
se pode observar a impresionante falla que leva o nome dese concello,
senón materiais do antigo océano Rheico, ou rochas procedentes dos
episodios volcánicos da marxe dese océano.
Laura Fernández
Socia da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e Coordinadora en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT)