luns, 11 de maio de 2015

XEOLODÍA 2015: GRAN ÉXITO DE CONVOCATORIA!

O gran éxito de convocatoria do Xeolodía deste ano, arredor de 400 participantes en toda Galicia, ven demostrar que a xeoloxía interesa ao gran público cando se lle explica ben, e que a xente responde cando se lle ofrece un turismo de calidade, que lle permite non só ver unha paisaxe, senón entender como se formou e os procesos que lle afectaron dende a súa orixe ata a actualidade.

O xeolodía 2015 da provincia da Coruña correu a cargo de Francisco Canosa, o xeólogo promotor do proxecto de xeoparque, e celebrouse nun dos concellos que formarán parte del: o concello de Valdoviño. Máis de 150 persoas inscritas en 4 grupos (dous esta fin de semana e dous a seguinte) demostran que a zona ten tirón. Con habilidade Fran Canosa, foi capaz de facer que nos trasladaramos coa imaxinación á posición destes terreos hai 500, 400, 200 millóns de anos... e así ver os procesos que lles afectaron ata a actualidade e, nunha sorte de xogo malabar, cambiar de escala e pasar a ensinarnos cuestións de detalle de minerais e rochas que nos mantiveron atentos: nin máis nin menos que dende as 10 da mañá ás 7 da tarde! Isto é xeoturismo!


Está claro que o xeoturismo non só busca coñecer sitios novos, senón entender, aprender e gozar aprendendo; e cada vez máis unha sociedade máis desenvolvida e máis culta demanda este tipo de turismo: o futuro xeoparque debe ofertalo; ou máis ben: non debería irse ofertando dende agora? Os concellos implicados deben ir tomando nota: 150 persoas que visitan entre esta fin de semana e a seguinte Valdoviño, xantando no pobo (quizais moitos terían comprado produtos da zona se tivese esa posibilidade)... E o máis importante: 150 persoas que irán contando que en Valdoviño hai unha paisaxe espectacular na que se pode observar a impresionante falla que leva o nome dese concello, senón materiais do antigo océano Rheico, ou rochas procedentes dos episodios volcánicos da marxe dese océano.

Laura Fernández
Socia da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e Coordinadora en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.