martes, 6 de outubro de 2015

Nova xuntanza cos alcaldes

Como xa vos adiantáramos, onte día 5 tivo lugar unha nova reunión cos alcaldes dos concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Que finalmente son 7 e non 8 concellos, posto que As Somozas despois de repetidas ausencias nas reunións anteriores e a falta absoluta de interese no tema, o seu alcalde Juan Alonso Tembrás considera que a actividade industrial é a prioridade do concello de As Somozas, sabendo incluso que ningún dos lugares de interese xeolóxico afecta ou afectaría ao solo industrial do seu concello. Dende a nosa asociación consideramos que esta decisión deixa ao marxe a todos os veciños de As Somozas, que nun futuro non se poderan beneficiar tanto da marca "xeoparque" como das actividades e promoción xeoturística que se lle de á zona.

Achegáronse a Cedeira todos os mandatarios municipais agás o de Valdoviño. Todos os alcaldes queren seguir traballando no proxecto, pero coa vista posta de momento na figura de "Parque Xeolóxico". Consideran que para garantir a tranquilidade dos seus veciños van solicitar un informe xurídico a Deputación da Coruña na que se poña de manifesto que implicacións ten ser xeoparque e cales serían as súas limitacións futuras. Non entendemos moi ben esta solicitude, porque un xeoparque non é unha figura normativa nin posúe limitacións. Pola contra, visto o moi bo resultado de iniciativas como a dos "Sábados Xeolóxicos no Ortegal" ou as "Xeorutas do concello de Ribadeo", os concellos do proxecto barallan a posibilidade de crear un convenio anual de actividades, aínda por definir, para comezar a potenciar o proxecto e o turismo xeolóxico desta zona.

luns, 5 de outubro de 2015

Éxito de participación nos sábados xeolóxicos

Bo día a tod@s:

Este pasado sábado día 3 tivo lugar a primeira saída xeolóxica dentro do programa "Sábados Xeolóxicos no Ortegal". Den a asociación queremos agradecer novamente a todos os asistentes o seu interese nesta actividade. O vindeiro sábado non temos saída, pero o 17 terá lugar o routeiro polos cantís do concello de Ortigueira, na que xa vos adiantamos non quedan prazas libres.




Aproveitando esta entrada, informamos que esta tarde temos unha xuntanza cos alcaldes para falar sobre os seguintes pasos que deben darse no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.