mércores, 1 de abril de 2015

¿Qué é un xeoparque?

É un territorio cun salientable patrimonio xeolóxico, que é o eixe principal dunha estratexia de desenvolvemento territorial sostible, apoiado nun programa europeo de promoción ao desenvolvemento. Un xeoparque non é un espazo natural protexido, aínda que defende a protección e a posta en valor do patrimonio xeolóxico dese territorio.

Cada ano o número de xeoparques aumenta, España con 12 é na actualidade o país do mundo con maior número de xeoparques despois de China.

Ser xeoparque implica formar parte da rede europea e global de xeoparques, ter un compromiso claro co desenvolvemento local, así como unha oferta xeoturística e promoción dos recursos e produtos locais.

Dende finais do ano 2015 os xeoparques teñen a nova denominación de "Xeoparque Mundial Unesco"






Distribución dos xeoparques en Europa


¿Quén somos?

A asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal é unha organización sen ánimo de lucro que se creou no ano 2015 co obxectivo de apoiar e dar a coñecer o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Na actualidade esta asociación atópase respaldada por máis de 150 socios de distintos puntos da xeografía peninsular.

Despois da última asamblea de socios celebrada o 1 de outubro de 2016, a xunta directiva está representada polos seguintes socios:

-Presidente: José Manuel Sierra Pernas

-Secretaria: Laura Carquijero López

-Tesoureiro: Ángel Vergara López

Se aínda non es socio e queres selo, só tes que cubrir o seguinte formulario, fai click aquí


O proxecto do xeoparque

DELIMITACIÓN DO PROXECTO

A proposta de xeoparque para o área do Cabo Ortegal mostra uns límites puramente administrativos. Os criterios utilizados para a delimitación do xeoparque foron a orixe e as características xeolóxicas das distintas formacións. De tal maneira que formarían parte do xeoparque todos os materiais do complexo alóctono do Cabo Ortegal, así como os do alóctono inferior (parautóctono). Posto que en conxunto constitúen unha secuencia alóctona moi completa no Oróxeno Varisco Europeo. A superficie do geoparque sería de aproximadamente 703 km2 abarcando os termos municipais das Somozas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, cunha poboación residente estimada de ao redor de 30.000 persoas.


XEOLOXÍA DO PROXECTO

As distintas formacións xeolóxicas presentes no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal forman parte dun dos terreos alóctonos máis completos que existe do Orogeno Varisco en Europa. Estes materiais interprétanse como os fragmentos subducidos de litosfera continental e oceánica, que foron posteriormente obducidos e imbricados durante a colisión de Laurussia e Gondwana, fai aproximadamente 350 millóns de anos. O geoparque constitúeno dúas unidades, a unidade alóctona ou Complexo de Cabo Ortegal, e a unidade parautóctona ou alóctono inferior. O Complexo de Cabo Ortegal está constituído esencialmente por un arco illa, restos dunha codia oceánica (secuencia ofiolítica) e dunha marxe continental, mentres que o alóctono inferior correspóndese cunha cunca sedimentaria peri-Gondwana e restos dun vulcanismo paleozoico.

O Complexo de Cabo Ortegal dividiuse en 3 unidades, os trazos xeolóxicos máis significativos de cada unha delas son os seguintes; unidades superiores, afloran rochas de alta presión (ecloxitas, granulitas e gneises), así como unha ampla variedade de rochas ultramáficas (harzburgitas, dunitas e piroxenitas), moitas delas afectadas por unha intensa deformación milonítica. Tamén existen grandes estruturas xeolóxicas como pregues deitados, fallas tardivariscas ou cabalgamentos. Presenza de destacados xacementos de cromo-platino, praceres de minerais pesados, do mesmo xeito que fenómenos metasomáticos e hidrotermales; unidades ofiolíticas, presenza dunha mélange tectónica con pillow lavas, serpentinitas, diques básicos e mármores, xacementos de sulfuros masivos vulcanogénicos (fumarolas) e evidencias dunha importante deformación ultramilonítica en xistos e filitas; unidades basais, presenza de metabasitas, ecloxitas retrogradadas e ortogneises cunha intensa deformación dúctil e fráxil.

O alóctono inferior caracterízase por mostrar unhas potentes sucesións siliciclásticas moi deformadas e vestixios dun intenso vulcanismo riolítico e dacítico. Destaca tamén a presenza de importantes estruturas fráxiles, fallas e cabalgamentos.

Son tamén moi significativas as formas do relevo e, en especial, a costa acantilada de máis de 600 m, as rías, esteiros, enseadas, illotes, arcos rochosos, fervenzas, ríos ou as evidencias periglaciares e glaciares en distintos puntos do territorio que comprende o proxecto do xeoparque. Do mesmo xeito son importantes as características xeomorfológicas dos macizos ecloxíticos, granulíticos e de rochas ultrabásicas, con excepcionais exemplos de karst serpentínico. 

Dende o punto de vista edafolóxico existen distintos tipos de alteracións e solos, que en moitos casos son únicos na Península Ibérica.

O futuro Xeoparque do Cabo Ortegal poñerá en valor unha xeoloxía que non está presente en ningún dos xeoparques españois creados ata o momento. Polo que a súa creación converterao por unha banda no primeiro xeoparque de Galicia, e por outra, supoñerá un complemento importante e imprescindible para a Rede de Xeoparques Españois, dada a súa singularidade e recoñecemento a nivel nacional e internacional.



Extraído do informe “Proyecto de creación del Xeoparque do Cabo Ortegal”. Número de Rexistro 03/2014/1328