mércores, 9 de decembro de 2015

Xeorutas sobre patrimonio mineiro en Moeche

Achegamos información sobre unhas xeorutas que organiza o Concello de Moeche para dar a coñecer o seu salientable patrimonio mineiro, entre o que destacan as explotacións de Toelo e cobre. As saídas realizaránse esta vindeira fin de semana, días 12 e 13 de decembro. Dado que as previsións meteorolóxicas son moi favorables, agardamos que teñan moi éxito de convocatoria.

Para máis información ou inscribirse na actividade podedes chamar ao teléfono do concello 981404006.



mércores, 18 de novembro de 2015

Excelente acollida dos "Sábados Xeolóxicos no Ortegal"

O pasado sábado día 14 realizouse a derradeira saída desta iniciativa levada a cabo pola AEPECT (asociación española para la enseñanza de las ciencias de la Tierra) e en colaboración coa nosa asociación. Finalmente foron 146 persoas as que asistiron ás 6 xeorutas propostas. Agardamos que este tipo de actividades teñan continuidade no tempo, tal e como se pon de manifesto no éxito de convocatoria que supuxeron os sábados xeolóxicos. 

Xa vós adiantamos que concellos como o de Moeche van organizar actividades semellantes o vindeiro mes de decembro, das que vós teremos ben informados.

Achegamos a información publicada no día de hoxe polo xornais "La Voz de Galicia" e "Diario de Ferrol" sobre os bos resultados obtidos nos "Sábados Xeolóxicos no Ortegal".

    Para leer a noticia facer click sobre ela



martes, 6 de outubro de 2015

Nova xuntanza cos alcaldes

Como xa vos adiantáramos, onte día 5 tivo lugar unha nova reunión cos alcaldes dos concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Que finalmente son 7 e non 8 concellos, posto que As Somozas despois de repetidas ausencias nas reunións anteriores e a falta absoluta de interese no tema, o seu alcalde Juan Alonso Tembrás considera que a actividade industrial é a prioridade do concello de As Somozas, sabendo incluso que ningún dos lugares de interese xeolóxico afecta ou afectaría ao solo industrial do seu concello. Dende a nosa asociación consideramos que esta decisión deixa ao marxe a todos os veciños de As Somozas, que nun futuro non se poderan beneficiar tanto da marca "xeoparque" como das actividades e promoción xeoturística que se lle de á zona.

Achegáronse a Cedeira todos os mandatarios municipais agás o de Valdoviño. Todos os alcaldes queren seguir traballando no proxecto, pero coa vista posta de momento na figura de "Parque Xeolóxico". Consideran que para garantir a tranquilidade dos seus veciños van solicitar un informe xurídico a Deputación da Coruña na que se poña de manifesto que implicacións ten ser xeoparque e cales serían as súas limitacións futuras. Non entendemos moi ben esta solicitude, porque un xeoparque non é unha figura normativa nin posúe limitacións. Pola contra, visto o moi bo resultado de iniciativas como a dos "Sábados Xeolóxicos no Ortegal" ou as "Xeorutas do concello de Ribadeo", os concellos do proxecto barallan a posibilidade de crear un convenio anual de actividades, aínda por definir, para comezar a potenciar o proxecto e o turismo xeolóxico desta zona.

luns, 5 de outubro de 2015

Éxito de participación nos sábados xeolóxicos

Bo día a tod@s:

Este pasado sábado día 3 tivo lugar a primeira saída xeolóxica dentro do programa "Sábados Xeolóxicos no Ortegal". Den a asociación queremos agradecer novamente a todos os asistentes o seu interese nesta actividade. O vindeiro sábado non temos saída, pero o 17 terá lugar o routeiro polos cantís do concello de Ortigueira, na que xa vos adiantamos non quedan prazas libres.




Aproveitando esta entrada, informamos que esta tarde temos unha xuntanza cos alcaldes para falar sobre os seguintes pasos que deben darse no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. 

luns, 21 de setembro de 2015

Actividades divulgativas e formativas no Ortegal

Os vindeiros meses de outubro e novembro a AEPECT (Asociación española para la enseñanza de las ciencias de la Tierra) organiza unha nova actividade divulgativa e formativa sobre a xeoloxía do Complexo de Cabo Ortegal. Dende a nosa asociación apoiamos e colaboramos no desenvolvemento destas xornadas. Do mesmo xeito, consideramos que é unha boa oportunidade para dar a coñecer a salientable xeoloxía deste territorio. 

O calendario de actividades é o seguinte:

- Teixidelo, un paraíso xeolóxico na Capelada. 3 de outubro.
- Vulcanismo na costa de Ortigueira. 17 de outubro.
A minería do cobre e toelo na bisbarra do Ortegal. 24 de outubro.
Herbeira e o Limo, un paseo polas profundidades da Terra. 31 de outubro.
Descubrindo as ecloxitas, as rochas do Cabo Ortegal. 7 de novembro.
Bateando nos ríos do Ortegal. 14 de novembro.

As prazas son limitadas.
Para máis información e reservas prema aquí.

Convidámosvos a participar nesta nova iniciativa.



venres, 11 de setembro de 2015

Tralas vacacións...retomamos a actividade no blog

Ola a tod@s!!!

Despois de varias semanas sen actividade no blog da asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, voltamos con máis forza para poder mantervos informados de calquer novidade ou noticia referente ao proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. 

E para comezar con bo pé, e nunca mellor dito. O Clube de Montaña Ferrol organiza maña sábado día 12 unha andaina de 40 quilómetros por Terras de Cedeira. Dende a asociación queremos agradecer enormemente ao Clube de Montaña Ferrol e o seu presidente Xan Ramírez o apoio incondicional á creación dun xeoparque nesta zona. Un apoio que neste caso figura tanto na publicidade coma nos distintivos que levaran os participantes (pegatinas, bolsa e folletos). Con case un cento de persoas inscritas, agardamos que a xornada sexa un éxito.



martes, 30 de xuño de 2015

Nova agresión ao patrimonio xeolóxico galego

No porto lucense de Burela atópase un dos lugares de interese xeolóxico máis salientables da Península Ibérica, defeito ten a categoría de "Geosite", é dicir, un lugar de interese xeolóxico a nivel internacional.

Como consecuencia da construción do vial de acceso ao porto estase a danar moi seriamente este lugar, que é visitado anualmente por xeológos e estudantes de xeoloxía de distintas universidades españolas. Mesmo representa unha parada obrigada nas viaxes de campo que se realizan nos congresos nacionais ou internacionais de xeoloxía estrutural.

Dende a nosa asociación agardamos que as administración competentes, tomen conciencia do dano que supón estas obras para este enclave da xeoloxía galega.


    Ano 2005


    Ano 2015

luns, 29 de xuño de 2015

Xuntanza cos alcaldes do proxecto do Cabo Ortegal

Na tarde de hoxe, día 29, tivo lugar unha reunión cos oito alcaldes dos concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Á xuntanza asistiron os rexidores de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, polo que só faltou a presenza do alcalde de As Somozas, Juan Alonso Tembrás. En representación da nosa asociación asistiu Chema, o secretario.

Todos os mandatarios municipais mostraron o seu compromiso de seguir traballando neste proxecto, aínda que alguns deles teñen que consultalo cos seus socios de goberno. Do mesmo xeito falouse de convocar unha reunión coa delegada da Xunta na bisbarra, Belén do Campo. Nas vindeiras semanas revisarán o borrador dos estatutos da futura asociación que xestionará o proxecto.

   Foto cedida polo Concello de San Sadurniño

venres, 26 de xuño de 2015

Nova reunión cos alcaldes

O vindeiro luns día 29, vaise realizar unha xuntanza cos alcaldes dos oito concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Nela presentarase de novo dito proxecto, posto que seis consistorios cambiaron de goberno. O hoxe publicouse no xornal "La Voz de Galicia" máis información sobre esta reunión.




venres, 19 de xuño de 2015

Traballo presentado no congreso de patrimonio xeolóxico 2015

Disculpade o retraso na publicación da entrada sobre o traballo presentado no congreso de patrimonio xeolóxico, celebrado en Zumaia do 9 ao 13 de xuño de 2015.



A contribución científica, en modalidade póster, consistiu nun inventario detallado do patrimonio xeolóxico existente na zona de Cabo Ortegal, no que se estudaron un total de 40 lugares de interese xeolóxico (LIX). Do mesmo xeito ponse de manifesto cales son os máis vulnerables e cales teñen maior prioridade de protección, o cal axudaría moita na súa xestión.



Agardamos que sexa do voso interese. Para visualizado prema aquí.


mércores, 3 de xuño de 2015

Congreso de Patrimonio Xeolóxico Geoparkea 2015

A vindeira semana, do 9 ao 13 de xuño, en Zumaia (Xeoparque da Costa Vasca-Geoparkea) celebrarase unha nova edición do congreso nacional de patrimonio xeolóxico. Entre as numerosas contribucións científicas figura unha sobre o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. O xeólogo Francisco Canosa presentará en modalidade póster o "Inventario de LIG en el área del Cabo Ortegal (Norte de Galicia)", que estará dispoñible neste blog a partir do día 15.





Do mesmo xeito achégase a terceira circular deste congreso. Nela figuran os distintos traballos sobre patrimonio xeolóxico que van ser presentados. Para descargala, prema aquí.

domingo, 24 de maio de 2015

Mesa redonda en Ferrol

O vindeiro venres día 29 de maio ás 19:30 no Museo da Natureza (SGHN) de Ferrol terá lugar unha nova mesa redonda na que Francisco Canosa, xeólogo e coordinador do proxecto, Rafael López, profesor, naturalista e membro da asociación, e Belén Pérez, presidenta da asociación, darán a coñecer o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A mesa redonda terá dúas partes, a primeira, para a presentación da iniciativa, e a segunda parte, aberta á participación dos asistentes. A xuntanza pretende informar sobre o proxecto a todas aquelas persoas que teñan interese no tema, e do mesmo xeito dar resposta as dúbidas que poidan surxir.


Agardamos a vosa presenza en Ferrol.

mércores, 13 de maio de 2015

Mesa redonda en Moeche, venres 15 de maio

A de Moeche é a seguinte e derradeira mesa redonda das realizadas nos concellos implicados no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. O evento terá lugar o vindeiro venres día 15 de maio ás 18:00 nas instalacións do aeródromo de Moeche (O Ventoeiro, Labacengos).

Coma sempre a mesa redonda estará dividida en dúas partes, a primeira para a presentación da iniciativa, a cargo do xeólogo Francisco Canosa e da presidenta da nosa asociación, Belén Pérez. E a segunda parte aberta á participación dos asistentes. A xuntanza pretende informar sobre o proxecto aos veciños deste concello, e así darlle resposta as dúbidas ou cuestións que poidan surxir.

Aínda que con esta mesa redonda péchase a visita aos distintos concellos implicados, existe a posibilidade de que se faga unha nova mesa redonda en Ferrol, que a pesar de estar fóra do proxecto, e a cidade máis próxima a él. Manterémosvos informados de calquer novidade.

Contamos coa vosa presenza en Moeche!!!

luns, 11 de maio de 2015

XEOLODÍA 2015: GRAN ÉXITO DE CONVOCATORIA!

O gran éxito de convocatoria do Xeolodía deste ano, arredor de 400 participantes en toda Galicia, ven demostrar que a xeoloxía interesa ao gran público cando se lle explica ben, e que a xente responde cando se lle ofrece un turismo de calidade, que lle permite non só ver unha paisaxe, senón entender como se formou e os procesos que lle afectaron dende a súa orixe ata a actualidade.

O xeolodía 2015 da provincia da Coruña correu a cargo de Francisco Canosa, o xeólogo promotor do proxecto de xeoparque, e celebrouse nun dos concellos que formarán parte del: o concello de Valdoviño. Máis de 150 persoas inscritas en 4 grupos (dous esta fin de semana e dous a seguinte) demostran que a zona ten tirón. Con habilidade Fran Canosa, foi capaz de facer que nos trasladaramos coa imaxinación á posición destes terreos hai 500, 400, 200 millóns de anos... e así ver os procesos que lles afectaron ata a actualidade e, nunha sorte de xogo malabar, cambiar de escala e pasar a ensinarnos cuestións de detalle de minerais e rochas que nos mantiveron atentos: nin máis nin menos que dende as 10 da mañá ás 7 da tarde! Isto é xeoturismo!


Está claro que o xeoturismo non só busca coñecer sitios novos, senón entender, aprender e gozar aprendendo; e cada vez máis unha sociedade máis desenvolvida e máis culta demanda este tipo de turismo: o futuro xeoparque debe ofertalo; ou máis ben: non debería irse ofertando dende agora? Os concellos implicados deben ir tomando nota: 150 persoas que visitan entre esta fin de semana e a seguinte Valdoviño, xantando no pobo (quizais moitos terían comprado produtos da zona se tivese esa posibilidade)... E o máis importante: 150 persoas que irán contando que en Valdoviño hai unha paisaxe espectacular na que se pode observar a impresionante falla que leva o nome dese concello, senón materiais do antigo océano Rheico, ou rochas procedentes dos episodios volcánicos da marxe dese océano.

Laura Fernández
Socia da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e Coordinadora en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT)


Alta participación no Xeolodía 2015

Esta pasada fin de semana celebrouse o Xeolodía 2015, que na provincia da Coruña tivo lugar no Concello de Valdoviño. Un total de 86 persoas participaron nesta actividade que contou coa colaboración da nosa asociación. Pero tamén a vindeira fin de semana vaise organizar este percorrido xeolóxico polo litoral de Valdoviño, o que pon de manifesto o gran interese que desperta esta actividade ano tras ano.

Moitas grazas a tod@s pola vosa presenza.





domingo, 10 de maio de 2015

Que avalía o Comité Internacional de Xeoparques?

Como xa expuxemos neste blog e nas mesas redondas que estamos a realizar nos diferentes concellos, a figura de Xeoparque persegue a conservación, divulgación e posta en valor do patrimonio xeolóxico, así como a dinamización dunha economía local e sustentable que repercuta nos habitantes deste territorio.

Non pensedes que son uns obxectivos vagos e abstractos. Existe un documento do Comité Internacional de Xeoparques, organismo baixo o auspicio da UNESCO que determina que territorios pasan a acadar o recoñecemento de Xeoparque, que permite avaliar estas liñas de traballo polo miúdo.

Dende Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal fixemos o esforzo de traducir este documento do inglés ao galego e agora querémolo compartir con todos vos para que poidades facervos unha idea moi precisa do que implica ser un xeoparque.

O documento, unha folla de cálculo, ten 9 follas. Animámosvos a lelo detidamente (cando teñades tempo). 

Se queredes facernos algún comentario ao respecto, sabedes que podedes contactar con nos a través do formulario que se atopa na esquina inferior dereita desde blog.

Para acceder ó documento prema aquí

mércores, 6 de maio de 2015

Cerdido, 8 de maio, vindeira mesa redonda

Continuando co programa de mesas redondas polos concellos implicados no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, a seguinte parada é no Concello de Cerdido. A cita terá lugar o venres día 8 de maio ás 20:00 na Casa do Concello, presente nas Felgosas (Parroquia da Barqueira).


Coma sempre a mesa redonda estará dividida en dúas partes, a primeira para a presentación da iniciativa, a cargo do xeólogo Francisco Canosa e da presidenta da nosa asociación, Belén Pérez. E a segunda parte aberta á participación dos asistentes. A xuntanza pretende informar sobre o proxecto aos veciños deste concello, e así darlle resposta as dúbidas ou cuestións que poidan surxir.



Unha vez máis animámosvos a participar.

martes, 5 de maio de 2015

Xeolodía 2015 na provincia da Coruña

"Descubrindo os tesouros da costa de Valdoviño" este é o título da edición 2015 do xeolodía da provincia da Coruña. A nosa asociación participa como entidade colaboradora neste evento que ten por obxetivo divulgar a xeoloxía na sociedade.

Como parte do percorrido xeolóxico discorre por terrenos do proxecto de xeoparque, esta é unha nova oportunidade para promocionar e dar a coñecer o noso proxecto ante máis de 140 personas chegadas de distintos puntos da xeografía galega.

O xeólogo, Francisco Canosa, será o guía desta edición, na que se farán 6 paradas entre a praia de Pantín ou O Rodo e a enseada de Meirás. Dende a organización indícannos que aínda quedan algunhas prazas libres no grupo do día 17 de maio. Para poder asistir é preciso inscribirse no correo electrónico canosa@geol.uniovi.es.

Para descargar a guía xeolóxica deste xeolodía, prema aquí.

Máis información doutros xeolodías en:



luns, 4 de maio de 2015

O martes, 5 de maio, estaremos en As Somozas

A Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do cabo Ortegal e Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e autor do "Proxecto para a creación do Xeoparque do Cabo Ortegal" estaremos o martes día 5 en As Somozas. 

Terá lugar unha mesa redonda que se dividirá nunha primeira parte, para a presentación da iniciativa, e unha segunda parte aberta a participación dos asistentes. A xuntanza pretende informar sobre a proxecto aos veciños do concello así dar resposta as dúbidas que poidan surxir.

A cita é ás 18:30 da tarde no centro cívico "A Garita".

Agardamos a vosa asistencia.

domingo, 3 de maio de 2015

Presentación do "Proxecto para a creación do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal" en Ortigueira

Onte, sábado 2 de maio, tivo lugar na sede da Fundación Ortegalia, a presentación en Ortigueira da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e do "Proxecto para a creación do Xeoparque do Cabo Ortegal" que estamos apoiando e tratando de impulsar.

Ao remate da charla, Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía, autor e coordinador do proxecto, e Belén Pérez, presidenta da nosa asociación, deron resposta a todas as dúbidas dos asistentes.

Convidamos aos habitantes de Ortigueira que non tiveron a posibilidade de achegarse á mesa redonda e que teñan interese na iniciativa a poñerse en contacto con nós a través do correo electrónico parqueortegal@gmail.com



venres, 1 de maio de 2015

O sábado día 2 estamos en Ortigueira

O sábado día 2, ás 12:00 da mañá, imos presentar o "Proxecto de creación do Xeoparque do Cabo Ortegal" na fundación Ortegalia, en Ortigueira.

Falará Francisco Canosa, doutor en xeoloxía, gran coñecedor da zona e autor do proxecto, e Belén Pérez, veciña de Ortigueira e presidenta da asociación.


Francisco Canosa explicará o que é un xeoparque, presentará o proxecto para a creación deste novo xeoparque e darán unhas pinceladas sobre a xeoloxía do Ortegal, de importancia internacional. Belén Pérez presentará a recentemente creada "Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal" e falará de como este proxecto pode axudar ao desenvolvemento local.


Para concluír, abrirase un espazo para o diálogo. Será o momento para responder a calquera dúbida, atender as suxestións e expoñer opinións.


Porque parécenos importante dar esta información a todos os habitantes de Ortigueira de xeito que cada un poida formarse unha opinión con respecto a esta iniciativa.


Animámosvos a todos e a todas a asistir e a participar. 





luns, 27 de abril de 2015

Guía xeolóxica de sete xeorutas no Concello de Cedeira

O sábado día 25 de abril presentouse en Cedeira esta guía xeolóxica. 

Trátase dunha guía a nivel divulgativo que permite coñecer a xeoloxía deste concello mediante sete rutas xeolóxicas (do litoral, dos cantís, de Teixido, do granate, do titanio, das praias negras e do cromo). En cada xeoruta descríbensen as peculiaridades xeolóxicas máis significativas, que son ilustradas con varias imaxes, algunhas delas fotointerpretadas. Do mesmo xeito inclúese un mapa xeolóxico actualizado no que se sinala o trazado da xeoruta, que pode ser visualizado a través do móbil mediante o escaneo dun código QR. Pero a guía tamén contén un catálogo visual de rochas no que se mostran as súas características máis salientables. O final deste manual atópase un pequeno glosario xeolóxico, con aqueles termos máis complexos, e un mapa xeolóxico xeral de todo o concello de Cedeira.

A guía pódese adquirir na librería "La Paz" (Agustín), en Cedeira, ou a través deste blog cubrindo este formulario. 

O seu prezo é de 7 € e está dispoñible tanto en galego como en castelán.

Temos puntos de entrega en Viveiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol e Santiago de Compostela. A entrega noutras localidades realízase por correo postal polo que ao prezo habería que lle engadir os gastos de envío. 


Deseguido achéganse unhas páxinas de mostra.


Portada
Índice
Xeoruta texto






Xeoruta mapa

Rochas texto

Rochas foto


















Fotos mesa redonda Cedeira

Belén Pérez presentando ós ponentes da mesa redonda


Francisco Canosa expoñendo o proxecto de xeoparque


Rafael Loureiro ilustrando aos asistentes coas singulariedades botánicas


Belén Pérez explicando a parte de desenvolvemento local


Luis Rubido, alcalde de Cedeira, acompaña a Canosa na presentación da guía

De novo na prensa...

Onte, 26 de abril, a prensa fíxose eco tanto da presentación do proxecto como da guía xeolóxica.


Aquí quedan os enlaces para que poidades ler o contido integro dos artigos. 


Lembrade que hoxe, 27 de abril, ás 18:30 no Auditorio de Valdoviño farase unha nova mesa redonda.



http://www.elidealgallego.com/articulo/galicia/cedeira-presume-riqueza-geologica-guia-geo-rutas/20150425161910238789.html



http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/cedeira/2015/04/26/xeoparque-do-cabo-ortegal-busca-desarrollo-integral-territorio/0003_201504F26C10991.htm



http://www.diariodeferrol.com/articulo/comarcas/cedeira-recopilan-riqueza-geologica-cabo-ortegal-guia-rutas/20150425214101121666.html