martes, 6 de outubro de 2015

Nova xuntanza cos alcaldes

Como xa vos adiantáramos, onte día 5 tivo lugar unha nova reunión cos alcaldes dos concellos que integran o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Que finalmente son 7 e non 8 concellos, posto que As Somozas despois de repetidas ausencias nas reunións anteriores e a falta absoluta de interese no tema, o seu alcalde Juan Alonso Tembrás considera que a actividade industrial é a prioridade do concello de As Somozas, sabendo incluso que ningún dos lugares de interese xeolóxico afecta ou afectaría ao solo industrial do seu concello. Dende a nosa asociación consideramos que esta decisión deixa ao marxe a todos os veciños de As Somozas, que nun futuro non se poderan beneficiar tanto da marca "xeoparque" como das actividades e promoción xeoturística que se lle de á zona.

Achegáronse a Cedeira todos os mandatarios municipais agás o de Valdoviño. Todos os alcaldes queren seguir traballando no proxecto, pero coa vista posta de momento na figura de "Parque Xeolóxico". Consideran que para garantir a tranquilidade dos seus veciños van solicitar un informe xurídico a Deputación da Coruña na que se poña de manifesto que implicacións ten ser xeoparque e cales serían as súas limitacións futuras. Non entendemos moi ben esta solicitude, porque un xeoparque non é unha figura normativa nin posúe limitacións. Pola contra, visto o moi bo resultado de iniciativas como a dos "Sábados Xeolóxicos no Ortegal" ou as "Xeorutas do concello de Ribadeo", os concellos do proxecto barallan a posibilidade de crear un convenio anual de actividades, aínda por definir, para comezar a potenciar o proxecto e o turismo xeolóxico desta zona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.